En datos ofrecidos aos medios por Lugonovo, na nosa comunidade case o 30% dos fogares son unipersoais e que, agora mesmo, máis de 120.000 persoas das que viven soas superaron xa a barreira da xubilación. O avellentamento da pirámide demográfica e o despoboamento do rural son só algúns dos factores que contribúen ao illamento dos maiores o que ten, como última e máis tráxica consecuencia, o seu falecemento en soidade. Por esta razón o grupo municipal de Lugonovo proporá no pleno elaborar un protocolo de intervención para atallar esta situación, unha nova problemática da sociedade actual que “aínda non foi suficientemente valorada nin abordada polas administracións”.
“A terceira idade constitúese como un dos colectivos máis vulnerables aos que non só afecta a perda de saúde e o signficativo aumento da pobreza que propiciou a crise económica, senón tamén a invisibilización das súas condicións de vida. Ademais, non sempre a súa integración no sistema de Servizos Sociais é doada o que obriga a consideralo como un potencial grupo de risco”, sinala Cristina Pérez Herráiz.
A formación solicita, primeiramente, a elaboración dun estudo capaz de detectar qué porcentaxe da veciñanza maior de 65 anos vive soa e resulta susceptible de precisar atención. “Recorrendo á información do padrón, poderíase remitir unha carta a todas as persoas que encaixen nese perfil avisándoos de que os técnicos municipais se poñerán en contacto con elas para realizarlles un cuestionario ao respecto. A finalidade sería crear unha base de datos da que botar man para revisar periodicamente a súa situación e poñer en marcha as correspondentes actuacións como pode ser a súa incorporación, nos casos que sexa preciso, aos programas de asistencia que xa existen ou dar cobertura ás necesidades que presenten”, explica a voceira.
A medida proposta por Lugonovo plantexa a coordinación de recursos entre os Servizos Sociais e sanitarios coas familias e o sistema de voluntariado así como con outros axentes e apunta a iniciativas que se poden retomar ou reproducir como a convivencia interxeracional co estudantado universitario ou o proxecto do “Bo Veciño” que potencia actitudes solidarias.
Melloras na prestación da teleasistencia, unha maior especialización dos centros de día ou a realización de campañas de formación de especialistas e de sensibilización da cidadanía son outras das accións que suxire Lugonovo e que poderían ter cabida no protocolo que propoñen.