É un dos percorridos máis frecuentados entre os afeccionados ao sendeirismo pero o certo é que o último treito da Avenida Marqués de Ombreiro, nexo de unión co paseo do mesmo nome, non obedece aos criterios de seguridade mínima que debera ofrecer para a práctica desta actividade. O motivo, a xuízo de Lugonovo, é a ausencia dun espazo ben delimitado para a circulación peonil que garanta a protección dos usuarios ao longo de todo o seu traxecto.
“A estrada atópase nunha situación moi precaria – subliña a portavoz – en tanto adoece do máis elemental: unha beirarrúa pola que os transeúntes poidan camiñar sen risco de interferir no tráfico rodado, de recibir algún golpe ao ser alcanzados por un vehículo, ou mesmo de ser atropelados”.
Dende o Grupo Municipal reclaman a instalación de bolardos ou doutros elementos que separen fisicamente as distintas partes da calzada, reservando unha delas para os viandantes. “Algo tan sinxelo como a colocación de fitos ou postes de madeira pode axudar a evitar accidentes e salvar vidas”, apunta Cristina Pérez Herráiz quen insta ás administracións a deixar de poñer escusas e a corrixir os problemas da cidade.
“O que nos refiren os técnicos é que, dende o Concello, non hai vontade política de intervir nesta eiva porque nas proximidades está proxectada a creación dun conxunto residencial e, pode ser, que a súa construción propicie o desenvolvemento urbanístico da zona. Pois xa está ben de fiar ás probabilidades. Cremos que a veciñanza merece doutra consideración, empezando porque as súas reivindicacións teñan unha resposta máis áxil, especialmente cando se trata de actuacións coma esta, de escasa entidade económica”, conclúe a voceira de Lugonovo.