Lugonovo pide a revisión dos procedementos administrativos nos Servizos Sociais

A concelleira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, considera que o Servizos Sociais do concello debería de revisar os protocolos de xestión cos que opera para gañar en axilidade e eficacia.

“Non é de recibo que para solicitar un certificado municipal, o usuario teña que pedir unha cita coa asistente social que levou directamente o seu expediente e que non haxa un área administrativa específica capaz de tramitar, nun breve prazo de tempo, este tipo de documentos. As consecuencias que ten esta situación son, ao noso entender, unha saturación de labores para as traballadoras sociais que poderían aproveitar as citas asignadas para atender aos casos persoais. Deste xeito, ademais, os usuarios contarían antes a documentación que solicitan.

A edil de Lugonovo fixo estas afirmacións despois da resposta obtida esta mañá, na Comisión de Benestar, á pregunta que a formación rexistrara hai unha semana requirindo os datos relativos a cal é o proceso ou os pasos a seguir polo cidadán para solicitar certificados expedidos polo devandito departamento así como para coñecer se existe algún sistema ou programa informático que permita a consulta de documentos, expedientes ou historiais en liña.

“Non nos serve a resposta de sempre. Dicir que non hai persoal e que non se pode contratar, non nos serve de escusa. Habería que darlle unha volta importante á operatividade do servizo, que non á capacidade e á cualificación dos seus traballadores, porque de seguir así teremos un departamento saturado e pouco eficaz para as labores que ten que acometer”, destaca Cristina Pérez, quen tamén se sorprende “do feito de que o departamento non dispoña de persoal administrativo propio e o teña que compartir con outros servizos municipais retrasando toda a tramitación o que prexudica considerablemente aos usuarios”.

Dende o Grupo Municipal Lugonovo apúntase tamén a necesidade de suprimir as taxas de expedición de certificados para ós beneficiarios de axudas sociais que costea o Concello porque “se sobre entende que as persoas que as solicitan atópanse xa nunha situación económica límite”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com