Lugonovo pide adiantar a setembro unha nova convocatoria de axudas ao alugueiro

Lugonovo solicitará no vindeiro Pleno Municipal que o Concello adiante a setembro unha nova convocatoria das axudas ao alugueiro e que se incremente a súa consignación para poder atender todos os expedientes, máis de 150, que, na actualidade, se atopan en lista de espera.

“O pasado xoves, 5 de xullo, un decreto da Área de Benestar Social, Igualdade e Inclusión aprobaba a disposición do gasto destas subvencións por un importe total de 149.983’10 euros, sendo os beneficiarios 88, dun total de 419 solicitantes”, explica a portavoz do Grupo Municipal.

“Desas 331 peticións restantes, case a metade das descartadas, 153, correspóndense con unidades familiares que, cumprindo os requisitos establecidos nas bases de concorrencia, quedaron en lista de agarda por non dispoñer, o departamento, de orzamento suficiente para darlles cobertura, o que denota a escaseza da asignación económica coa que se dota esta achega, en comparación coa súa demanda”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

Segundo estimacións realizadas polos propios técnicos de Evislusa, sería precisa unha engádega próxima aos 230.000 euros para poder concederlla á totalidade das persoas que teñen dereito a ela. “Sen embargo, as limitacións que impón a lei de subvencións imposibilita ampliar a partida financeira para o proceso xa resolto”, indica a voceira, “por iso proporemos celebrar un novo procedemento dentro de dous meses, coa fin de atender esas peticións que agora quedaron pendentes e poder aproveitar tamén o traballo administrativo recén realizado, posibilitando abreviar a tramitación”.

A formación considera que a administración local, por ser a máis próxima á veciñanza, e pese a non ter competencias propias na materia, debe igualmente desenvolver unha función de tutela, axustada ás necesidades reais da sociedade que reside no municipio, “polo que lle solicitaremos ao Concello que artelle as solucións eficaces e inmediatas que garantan as prestacións básicas, como pode ser o acceso a unha vivenda, á poboación máis desfavorecida”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com