Lugonovo pide apostar polo plan de mobilidade e potenciar o turismo e o sector primario

O Grupo Municipal Lugonovo aposta por encamiñar tódalas actuacións que contemple a Edusi, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, en mellorar a accesibilidade da capital e potenciar os dous motores fundamentais que manteñen a actividade municipal como son o sector primario e o turismo.

Segundo os concelleiros da formación, “unha das claves do programa debería basearse na posta en marcha definitiva do Plan de Mobilidade como ferramenta de sustentabilidade ecolóxica e garante do protagonismo do peón fronte ás complicacións derivadas da saturación do tráfico rodado”.

O seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, engade ademais que “desfrutamos dunha situación estratéxica dentro do norte peninsular que cómpre aproveitar. Por iso, instamos ó Concello a que sexa realista e responsable con este posicionamento e trate de sacarlle o máximo rendemento posible ás vantaxes que ten a nosa ubicación xeográfica”.

As propostas de Lugonovo fan fincapé en “aproveitar os fondos provintes deste programa europeo para desenvolver un centro de recepción de transportistas informatizado no parque industrial das Gándaras, atendendo así a unha vella demanda do colectivo pero sacándolle partido tamén as infraestruturas xa existentes para dar servizo a un sector que é fundamental na economía do país”. “Trátase de explotar este novo polígono para que os profesionais atopen nel un oasis vixiado para o descanso, con tódalas tecnoloxías da información á súa disposición que xa está facilitando o Nodus e tendo en conta, asemade, a proximidade deste emprazamento cas principais vías de comunicación”, sinala Fernández Rocha.

Entre outras medidas Lugonovo suxire, igualmente, investir os orzamentos desta axuda en rematar o cinturón verde que conecta o parque do Miño co do Rato, un espazo natural que xa é un referente de ocio e entretemento na capital así como en diversificar o sector primario en torno aos produtos artesanais e a súa diferenciación no mercado, “proxectos que axudarían a consolidar o futuro da cidade e a definir as cualidades de Lugo no conxunto do Estado”.

Para acadar a súa consecución, a formación bríndalle toda a súa colabración ao executivo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com