Lugonovo propón que o Concello lidere a creación dunha Escola de Nais e Pais, unha ferramenta para dar apoio ás familias que consideren, precisan de asesoramento para abondar na orientación e comunicación cos seus fillos.
Segundo o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha “é unha mágoa que Lugo ofreza estes días unha imaxe de inseguridade pola organización de pelexas entre adolescentes”. Para Rocha, aínda que non se corresponde coa realidade, “estas liortas sí evidencian que hai aspectos mellorables da convivencia veciñal”.
Deste xeito, o voceiro de Lugonovo apunta á posibilidade de que, dende a Concellería de Xuventude (Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción Turística), se impulsen seminarios charlas e mesmo obradoiros a través dos cales especialistas na materia guíen e apoien ás nais e pais que o soliciten na tarefa de educar ós seus fillos.
“Formarían parte da programación habitual de entretemento e aprendizaxe que oferta o Concello aos distintos sectores da poboación”, engade Fernández Rocha. “Poderíanse impartir técnicas para traballar o diálogo e o achegamento co fin de empatizar e conectar máis cos intereses e inquietudes dos menores. Aspectos, todos, fundamentais para o fornecemento das relacións parentais, da autoestima dos nenos e nenas e da complicidade no fogar”, resume.
O voceiro do Grupo Municipal apunta como obxectivo primordial desta iniciativa o estudo e a potenciación das habilidades de integración para paliar comportamentos como o acoso, as agresións e mesmo o consumo de alcohol e drogas.