Co parque de Rosalía de Castro pechado polas noites para albergar a Castra, Lugonovo, ve moi probable que a mocidade que se reúne neste recinto durante as fins de semana, traslade o seu ocio no Arde Lucus, a outros puntos da capital. Por proximidade e porque xa non sería a primeira vez que ocorre, a agrupación pídelle ao goberno que prevea como actuar, chegado o momento, para impedir que tanto o adarve da Muralla como a Praza de Pío XII e o atrio da Catedral se convertan en escenario do botellón.
“Quedan aínda tres meses para as festas pero que se repita esta situación é facilmente previsible e cremos que, cun pouco de vontade, tamén evitable. Por iso solicitámoslle ao executivo, que o teña en conta e deseñe con tempo un dispositivo disuasorio acorde á afluencia de público que a capital pode acoller nesas datas”, indica a edil Victoria Esteban.
Baixo a premisa de que máis vale previr que lamentar, a edil de Lugonovo lembra que a Unesco é firme nos imperativos que deben respectar as cidades que albergan Patrimonios da Humanidade. “A consideración que teñen ámbalas dúas edificacións obriga a protexelas nun radio de 30 metros o que afecta a unha parte considerable do Casco Histórico. Unha circunstancia que, en ningún caso, da pé á relaxación institucional no que ten que ver coa salvagarda dos bens culturais”.
Maior e mellor vixilancia durante estes días e tamén un reforzo dos servizos de limpeza son dúas das propostas da formación para contribuír a conciliar a conservación do patrimonio, coa celebración e o dereito ao descanso e ao aseo urbano que ten a veciñanza.
“O atractivo nacional do Arde Lucus debe ser sempre motivo de orgullo para o concello pero tamén implica un engadido de atención e coidados por parte das administracións. Cómpre minimizar os prexuízos asociados ao aumento de visitantes pero tamén velar porque a imaxe que ofreza Lugo eses días estea a altura dunha gran cidade, especialmente a zona centro, que goza de grande impacto visual”, subliña Esteban Riesco.
Non pode ser, como xa presenciamos en anteriores edicións, que a xente estea buscando polas rúas papeleiras ou colectores onde depositar o lixo e que remate por deixalo amoreado no chan ante a falta de dotacións dabondo. O propio dun equipo de goberno responsable sería garantir os servizos e non deixar á improvisación ou, cando menos descuberto, un aspecto tan destacado coma este”, conclúe a concelleira de Lugonovo.