Lugonovo pídelle ao Concello que estude a instalación dunha rampa na Porta Falsa da Muralla. A formación denuncia que este é un “punto negro” para colectivos como persoas con mobilidade reducida, anciáns ou aqueles que usan carros da compra ou para bebés.
Lugonovo chama a atención ademais acerca de que esta zona é moi transitada por persoas de avanzada idade que van facer a compra ao mercado, a praza de abastos e a outras tendas do casco histórico, así como ao centro de saúde da Praza de Ferrol.
Deste xeito, dende a formación instan ao Goberno local a “a realizar os estudos pertinentes” que leven á instalación dunha rampa nesta porta, “respectando en todo o momento a Muralla e o seu entorno e contando coa colaboración do Gabinete Municipal de Accesibilidade para que as asociación e instancias relacionadas coa accesibilidade poidan tamén dar o seu parecer sobre este tema”.
“O obxectivo que nos debe mover, e polo que Lugonovo pula con forza, é abrir a cidade a todos os seus habitantes e a todos aqueles que, cada día máis, nos visitan, facendo un Lugo totalmente accesible”, subliñan dende a formación.