O portavoz do Grupo Municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, considera que a situación que se está a producir estes días na entrada da rúa San Marcos, por mor da colocación dun andamio, non só empeora a imaxe da cidade de cara ó turismo senón que tamén supón un atranco na vida cotiá dos veciños de Lugo.
“Dá a casualidade de que á mesma altura da rúa, coincide o remate da terraza dunha cafetería próxima o que acentúa a estreitez e complica a circulación de transeúntes, sobre todo cando éstes fan uso de cadeiras de rodas, carriños infantís e mesmo bicicletas, provocando moitas molestias entre os viandantes”, explica o concelleiro de Lugonovo.
“Dende hai varios días, a montaxe dun andamio en plena rúa San Marcos, unha das principais da capital pola súa situación e polo seu carácter peonil, dificulta o paso ós veciños e limita o tránsito pola zona, dando ademais mala imaxe ó visitante que só atopa atrancos ó seu paso. Consideramos que esta situación debera durar o menos posible e por iso agardamos que os traballos que fan precisa esta estructura se axilicen ó máximo e rematen canto antes para que San Marcos poida recuperar a súa fluidez e apariencia habitual”.
Doutra banda, Santiago Fernández Rocha apreme ao Concello a que reabra canto antes os aseos públicos que estaban a funcionar na cidade, e a que reforce este tipo de dotacións naqueles puntos da capital que son centro de atracción turística ou mesmo teñen unha alta densidade
“É unha mágoa, cando ademais o sentir dos veciños xa se fixo público, neste senso, dende hai meses, que estemos en pleno verán e o concello non fose quén, aínda, de recuperar a posta en marcha dos baños públicos da cidade. Parécenos unha evidencia de deixadez que zonas como a Praza Maior, o Parque de Rosalía e outros espazos verdes ou mesmo barrios como o da Milagrosa, non conten con este tipo de infraestruturas tan demandadas polos lucenses”.
Coincidindo cas datas de maior afluencia de visitantes “pensamos que éste é o momento indicado de ou ben crear instalacións novas ou de retomar as negociacións para que as xa existentes, vencelladas ós quioscos, reabran e volvan a ofrecer un servizo básico para a cidadanía. Unha carencia que aínda se fará máis evidente en canto cheguen as festas do San Froilán. A solución temporal de colocar urinarios portátiles, que ó final do día ofrecen unhas condicións hixiénicas que non convidan precisamente ó seu uso, son só un parche que non remata de solucionar”, sinalou Rocha.