Lugonovo cualifica este cruce como “o cruzamento do caos, onde a sinalización viaria vai por un lado e as infraestruturas polo outro. E é que o dobre carril de Montero Ríos non é tal, a xuízo de Lugonovo, ao menos a efectos prácticos”.
Lugonovo preguntase: “¿quen ten preferencia cando condutor de esquerda e dereita queren seguir de fronte se só hai espazo para un”?
O edil Iñaki García cre que a confusión podería derivar máis pronto que tarde nun conflito de tráfico.
“Quen circula pola esquerda pode xirar para subir a Castelao, Miguel de Cervantes ou facer un cambio de sentido. Quen baixa pola dereita pode virar cara Fontiñas pero en ámbolos dous casos pódese tamén continuar recto. A dúbida é a quen lle corresponde a prioridade na manobra tendo en conta que un queda sen vía a medio camiño e o que dispón dela debe facer un ceda ao paso antes de cruzar a ponte”, explica o concelleiro.
“As indicacións son tan contraditorias que raro é o intervalo semafórico no que non se escoite algunha bucina alertando dun choque en potencia”, indica García Gómez quen adianta que solicitará ao Gabinete Municipal de Tráfico que revise a ordenación do tránsito neste punto da cidade e estude a posibilidade de modificala.
“Parécenos moito máis seguro limitar a un só carril a traxectoria para viaxar en dirección a Avenida Adolfo Suárez que mantela como está. Repintar o seu trazado ou instalar unhas bandas descontinuas, como as que obrigaban a ir cara a rúa Monte Faro na Duquesa de Lugo, poderían ser algunhas das solucións acaídas para diminuír o risco de sinistro que, na situación actual, ofrece este enclave”, suxire Iñaki García.