Lugonovo pidelle ao Concello axilidade e transparencia

Axilidade administrativa e transparencia. O equipo de goberno ten que ser, a xuizo dos edís de Lugonovo, o mellor exemplo de cómo debe funcionar o Concello. Por iso, o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, proporá na vindeira Xunta de Voceiros que a estas reunións, que se celebran o luns anterior a cada Pleno Municipal, o executivo, a través da figura da alcaldesa, ofreza información ao resto dos partidos sobre o estado no que se atopa a execución dos acordos plenarios anteriores.

“A configuración actual da Corporación obríganos a sesións longuísimas, cheas de propostas que moitas veces caen en saco roto ou se perden polo camiño a pesar do consenso unánime ou dunha parte importante da sala. Dende Lugonovo esixímoslle ao goberno local o seu compromiso á hora de materializar todas estas mocións que se aproban e pensamos que non hai nada mellor que fiscalizar a súa labor para incentivalo a dinamizar a xestión municipal”, sinala Fernández Rocha.

A formación pretende deste xeito que dentro dos asuntos abordados nas Xuntas de Voceiros ademais de revisar a orde do día do Pleno relativo ao mes en curso se repase tamén como vai evolucionando a concreción e tramitación das propostas aprobadas con anterioridade. “Un exercicio de transparencia e mostra da vontade política do equipo de goberno que agardamos se poña en marcha a partir de xaneiro do ano que ven”, conclúe Fernández Rocha.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com