Lugonovo pídelle ao Goberno Municipal publicitar mellor as axudas para a rehabilitación no casco histórico

Os edís de Lugonovo pídenlle ao goberno un maior esforzo á hora de publicitar as liñas de axuda, procedentes das administracións públicas, ás que poden concorrer os lucenses. Refírense, concretamente, á partida que o Ministerio de Fomento puxo a disposición dos veciños e veciñas para financiar o 35% das obras de rehabilitación que se leven a cabo no Casco Histórico.

Segundo datos aportados por Evislusa, durante o pasado exercicio concedéronse 24 subvencións, dun total de 49 solicitudes presentadas, por un importe de 44.120’41 euros, dentro dunha partida de 137.989’61€. “Estamos a falar dunha porcentaxe en torno ao 30%, moi baixa, que nos conduce a sacar dúas conclusións”, explica o voceiro da formación.  “Por unha banda, cremos que detrás de tan escasa demanda atópase unha deficiente difusión que, pola outra, é o síntoma máis evidente da falta de interese municipal por impulsar un plan efectivo de rexeneración e revitalización desta parte da cidade”.

Santiago Fernández Rocha explica que “debido a que o remanente da convocatoria de 2016 foi tan elevado, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o executivo central acordaron que os 93.869’20€ restantes sigan dispoñibles para os interesados ata decembro deste ano”, e matiza que “é unha oportunidade que cómpre aproveitar xa que rebaixa considerablemente o impacto económico que deben afrontar os promotores daquelas reformas que melloren, entre outros aspectos, a accesibilidade, a seguridade ou a eficiencia enerxética dos edificios sitos dentro de murallas”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com