“¿Que foi das intencións do goberno municipal de peonalizar a Praza da Milagrosa?”. Así cuestionaba esta mañá a agrupación municipal de Lugonovo as verbas que hai seis meses decía a alcaldesa Lara Méndez, ao anunciar a peonalización da praza da Milagrosa. Lugonovo entende que, medio ano despois de habilitar a correspondente consignación orzamentaria, “xa vai sendo hora de que se dea algún paso para materializar a intervención”, considerou a voceira, Cristina Pérez Herráiz.
“220.000 euros. Esa foi a partida aprobada polo Pleno da Corporación en agosto para pechar ao tráfico este enclave da capital – lembra Pérez Herráiz. O executivo tiña tanta présa que incluso convocou unha sesión extraordinaria na que ratificar definitivamente o Suplemento de Crédito que recollía esta previsión. Pero, dende aquelas, nada máis se soubo pese a que o compromiso era licitar os traballos nese mesmo exercicio”.
A portavoz do Grupo Municipal adianta que, ante a falta de información ao respecto, solicitará por escrito poder consultar o expediente do proxecto. “Parece ser que, unha vez máis, houbo que recorrer a unha empresa externa para que deseñara os termos desta actuación. Queremos saber cales son as conclusións deste documento, canto costou elaboralo e de que xeito incorporou as opinións ou as necesidades referidas polos distintos colectivos veciñais da zona”, replica Pérez Herráiz, “tendo en conta a escasa sensibilidade que este equipo de goberno amosou coas forzas vivas da cidade noutras ocasións, a máis recente a remodelación proxectada para Quiroga Ballesteros onde se operou á marxe do Colexio de Arquitectos ou dos empresarios da Praza de Abastos e do Mercado”.
Lugonovo bota man do seu ideario para lembrar que a organización leva tempo pulando pola consecución dunha Área de Rehabilitación Integral para a Milagrosa. “É vital e inaprazable. E así o recolle o noso programa electoral onde tamén figuran outras medidas de revitalización do barrio como son o estudo e creación de novos espazos peonís na contorna ou o aproveitamento dos recursos sitos no conxunto de Frigsa para poñelo en valor como Lugar Cultural, no que destaca a existencia do MIHL”, conclúe a voceira.