O concelleiro de Lugonovo, Víctor Álvarez Arias, esixiu hoxe explicacións ao goberno local sobre a parálise no proceso de asignación dos hortos urbanos municipais, 33 parcelas, e demandou do executivo unha resposta clara arredor do futuro do actual procedemento. “Queremos saber que está a pasar cos hortos” sinalou “e se o proceso está paralizado, cales son os motivos e cal o prazo que prevén para executalo, se é que hai un prazo previsto”.
Álvarez Arias lembrou que, aínda que as adxudicacións de hortos foron publicadas con carácter definitivo en xuño “e, curiosamente, cunha corrección provisional á lista definitiva en xullo”, o proxecto acumula xa sete meses de atraso dende que a Xunta de goberno dera luz verde ás bases da actual convocatoria a finais do mes de xaneiro. “O atraso real é moito maior” lamentou o concelleiro “se pensamos que é un proxecto cuxa aprobación conseguimos impulsar vencellada ao acordo sobre os Orzamentos do ano 2016”. Isto provocou que “tanta demora conseguiu que teña pasado xa a época de plantar boa parte dos produtos que se poden obter destes hortos como tomates, leitugas, cenorias ou pementos”.
“O feito de que que entre adxudicatarios e suplentes haxa máis de 50 persoas indica que hai unha demanda insatisfeita” sinalou Álvarez Arias “que o Concello non parece ter interese en atender”. “É moita a xente á que teñen que dar explicacións” continuou “especialmente sobre o futuro e quizais a validez e vixencia do actual procedemento”.
Ademais, Víctor Álvarez cuestionou, á vista dos acontecementos, o compromiso do Concello con este tipo de prácticas de sostibilidade urbana “aínda despois de ter gastado 60.000 euros no acondicionamento do terreo das parcelas dos Paxariños, un investimento que “a desidia do goberno mantén como gasto improdutivo mentres sería doado aproveitar o espazo, ademais de para o uso das persoas adxudicatarias, para actividades e obradoiros sobre a elaboración de composteiros, alternativas a produtos fitosanitarios e abonos químicos, etc”.