O edil de Lugonovo, Iñaki García, cre que se, ás portas de xuño, o goberno aínda non anunciou as datas da posta en funcionamento da zona pública de baño, “leva moitas trazas de quedar posposta, como vén sendo costume, para o ano próximo ao seguinte. Será, seguramente, na semana aquela famosa que ten dous xoves”, augura.
Co mercurio collendo forza nos termómetros para asentarse, a realidade é que pouco ou nada se sabe da evolución que segue o proceso de tramitación deste espazo de ocio. Un asunto sobre o que Lugonovo interpelará ao executivo na vindeira comisión de Desenvolvemento Sostible.
“Queremos saber cánto de avanzado está o proxecto, qué pasos se levan dado e sobre todo, cáles restan e da vontade de qué organismo dependen – di García Gómez, en alusión directa á Confederación Hidrográfica – “que, ate o de agora, amosou non ter nin demasiada présa nin sensibilidade dabondo coas necesidades e demandas dos lucenses”, un déficit de xestión que o concelleiro achaca por igual á administración local ante tardanza e a pouca determinación coa que abordou esta cuestión.
A agrupación municipal tamén solicitará información sobre o estado no que se atopa a redacción do prego técnico que rexirá o concurso de adxudicación do servizo de aluguer, instalación e mantemento da devandita área.
Tamén da zona pública de baño falaron esta mañá ediles do BNG-AA no concello de Lugo que deron conta hoxe da recepción dos informes emitidos polas diferentes administracións en relación á proposta de instalación dunha rampa de acceso ao río na zona das Saamasas. Dende o BNG anunciouse que presentará un escrito ante a Confederación Hidrográfica para que se continúe a tramitación dos permisos para a instalación dun acceso ao río na zona de As Saamasas.
Rubén Arroxo explicou que, dende a Confederación, lle foron remitidos, ao BNG, os informes emitidos dende a Xunta o Concello e a Deputación. Arroxo cualificou como “paradigmático” que mentres a Xunta, que ten competencias en materia medioambiental, da un informe favorable a Deputación, sen competencias medio-ambientais, fai un informe tan duro como subxectivo intentando paralizar a iniciativa do BNG.