A agrupación municipal Lugonovo preguntará en vindeiras comisións sobre a entrada en funcionamento da Rede de Biomasa que presentaron o goberno local e o delegado da Xunta o pasado mes de novembro.
Actualmente, nin o MIHL nin as piscinas de Frigsa utilizan esta rede de biomasa, “e moito nos tememos que nos outros seis nos que se prevía o uso desta caldeira tampouco”, sospeita a portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz.
Pérez Herráiz anuncia que o Grupo Municipal levará varias preguntas ás vindeiras Comisións para saber cales son os motivos polos que este sistema de calor aínda non entrou en funcionamento. “Cómpre lembrar que tanto Xunta como Concello correron a presentar as obras, dándoas por rematadas, a finais de novembro. Diso van xa tres meses, seguramente os máis fríos do ano, todo hai que dicilo, sen que se mellorara un ápice a subministración e a rendibilidade das instalacións ás que ía dar servizo”, sinala a voceira.
A xuízo de Pérez Herráiz trátase dun “despropósito que vén a dar continuidade á desastrosa xestión levada a cabo polo executivo”, tendo en conta que todo o procedemento estivo marcado polas présas, cunha tramitación atropelada que mesmo puxo en risco a obtención da subvención do Inega para cubrir o 80% dos custos do novo equipamento térmico. “Unha dotación deseñada e creada a contrarreloxo e que, ata o momento, non demostrou os seus froitos”.
“Cúmprese xa un trimestre perdido porque cremos bastante probable que o aforro e a optimización de recursos que ía supoñer a rede de biomasa tampouco chegou ao Auditorio, ao Pabillón Luis Gorgoso, ás Casas das Asociacións e de Clara Campoamor, ás Pistas de Tenis ou á Biblioteca. Pediremos que nos expliquen a qué se debe, de quén é responsabilidade e cáles os prazos que se manexan para a súa posta en marcha definitiva”.
Recén celebrada a xornada mundial da Eficiencia Enerxética, “dende Lugonovo só nos resta lamentar que o goberno non leve feito no mandato máis que un único esforzo nesta materia e pese a iso, e a un investimento de case 900.000 euros, o municipio siga sen estar a altura desta conmemoración”, conclúe Cristina Pérez.