Lugonovo presenta sete emendas ás ordenanzas municipais

Santiago Fernández Rocha declarou esta maña que “progresividade e promoción do emprego e das políticas sociais,  son os vértices das emendas ás ordenanzas que ven de presentar Lugonovo, moitas delas encamiñadas a bonificar a contratación e o emprendemento e favorecer a actividade económica, pero asemade, reclamar tamén maior esforzo fiscal aos que máis teñen para equilibrar a inclusión social e a igualdade. Agardamos que a pesares da premura dos prazos que nos foron impostos, o equipo de goberno sexa receptivo e demostre que a súa prioridade é a defensa do interese xeral e o benestar da cidade”.

Estas son as emendas que Lugonovo ven de presentar ás ordenanzas encamiñadas a mellorar a progresividade dos tributos locais e a promover a contratación e a xustiza social. Entre elas destacan as relacionadas co Imposto sobre Actividades Económicas, nas que o Grupo Municipal propón, por unha banda, engadir un plus dun 10% adicional de bonificación para aquelas empresas nas que un de cada tres contratos sexa cuberto por unha persoa con discapacidade; introducir outra de ata o 50% por inicio de actividade empresarial durante un máximo de cinco anos, en caso de que non obter aínda beneficios así como condicionar a bonificación das cotas fixas municipais a que o empresario incremente o pro medio do seu cadro de persoal con contratos indefinidos pero sempre que o 50% desas novas altas teñan como titular a parados de máis de 50 anos ou de longa duración.

O portavoz da formación, Fernández Rocha, apuntou tamén a “importancia de engadir máis beneficios fiscais como aos que atinxen a unha bonificación de ata o 50% da Licenza de Apertura de Establecementos, cando sexa por inicio de actividade empresarial, con vistas a favorecer o emprendemento”.

As consideracións de Lugonovo inclúen aplicar unha exención nos prezos públicos para as persoas cunha discapacidade superior ao 75% así como para os seus acompañantes, no caso de acreditar a necesidade de asistencia dunha terceira persoa e, no que ten que ver ca ordenanza que regula o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, o Grupo Municipal suxire incorporar na tipoloxía dos vehículos bonificados cun 50% na cota do imposto, durante 3 anos, aos que sexan híbridos de gas – gasolina e aos que utilicen exclusivamente como combustible biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol e hidróxeno por ser menos contaminantes e máis respectuosos co medio ambiente.

Asemade, e como xa se anunciou anteriormente, os edís da formación ven prioritario incrementar nun 20% o IBI ao 10% dos edificios dedicados exclusivamente a actividades comerciais que teñan un valor catastral superior ós 150.000 euros, aumentando así a recadación municipal naqueles sectores que teñen beneficios.

Por outra banda, Lugonovo tamén se sumou ás críticas doutras formacións políticas sobre o PXOM. “Entendemos que a súa elaboración estivo demasiado contaminada por intereses especulativos que pretendían favorecer ao sector da construción, e por iso mesmo no programa electoral xa pedimos a súa revisión, a súa legalidade e nalgúns aspectos máis que cuestionable, de feito está sometido a supervisión xudicial, pero tamén consideramos que acusalo tasativamente de ilegal, no seu conxunto, pode traer consecuencias. Se esa é a fundamentación, non está debidamente sustentado”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com