O grupo municipal Lugonovo, por medio do seu concelleiro Iñaki García Gómez, rexistrou no día de hoxe unha moción coa que tenta impulsar políticas verdes co fin de respectar o medio ambiente, xerando emprego en base a unha economía máis sostible. A proposta abranguería diversos temas como o tratamento de residuos, a rehabilitación de edificios orientada ao aforro enerxético, a potenciación de enerxías limpas, etc.
Para este impulso búscase crear un Consello Municipal que teña como obxectivos identificar as actividades de economía verde, visualizar a importancia desta economía en tanto que solución idónea para o noso desenvolvemento económico e social, e sinalar a importancia que ten este novo concepto na medida que optimiza o aproveitamento dos recursos naturais e vela pola súa conservación. Ademáis, buscariase minimizar o impacto na natureza e garantir a defensa desta como un ben común, mellorando o benestar humano e a equidade social ao tempo que se reducen significativamente os riscos ambientais e o deterioro ecolóxico.