Lugonovo presenta unha proposición para para que o goberno central compense ao Concello pola exención do IBI aos inmobles da igrexa cos que fai negocio

A plataforma política Lugonovo ven de emitir un comunicado no que cualifica a exención do IBI á igrexa como “un privilexio máis propio da Idade Media fai que Lugonovo se vira na obriga de presentar ao próximo Pleno unha moción para que este inste ao Goberno do Estado a compensar economicamente ao noso Concello por non poder cobrarlles o IBI aos inmobles da Igrexa dos que esta obtén lucro económico, como é o caso do aparcadoiro do Seminario”.

Lugonovo entende que non é de recibo que a Igrexa non pague o Imposto de Bens Inmobles polas propiedades coas que fai negocio, como ocorre neste caso co aparcadoiro do Seminario. Aínda que este estea alugado, Lugonovo entende que cobra por el, e por tanto a Igrexa recibe un beneficio económico. En base a todo isto Lugonovo pregúntase: “A onde vai o diñeiro que cobra a Igrexa por tódolos inmobles alugados? Sabemos que a Cáritas só aporta en torno ao 2,5% do seu orzamento”.

Lugonovo pensa que a cidadanía debería coñecer o destino do diñeiro que a Igrexa deixa de pagar grazas ás exencións fiscais, pero é a única institución que ten o privilexio de non estar sometida ao Tribunal de Contas, polo que a opacidade é absoluta, como absoluta é a súa falta de fiscalización por parte do Estado. “Neste control do diñeiro da Igrexa só coñecemos a memoria que fai a propia Institución”. Isto “parécenos un privilexio inadmisible e que converte a España, en pleno século XXI, nun auténtico paraíso fiscal para a Igrexa Católica, como no seu día afirmou o maxistrado Luis Manglano”.

“Estamos ante a principal propietaria de inmobles do estado, máis de 100.000 censados que, de pagar o IBI, permitirían dispoñer de 5 millóns de euros nas arcas municipais”, continúa o comunicado. A este inxusto beneficio fiscal que lle outorga a Lei á Igrexa, cómpre sumar a última reforma da Lei Hipotecaria de 1998, levada a cabo polo Partido Popular, na que se lle recoñece á Igrexa a potestade de inscribir ao seu nome, no rexistro da propiedade, bens que non estaban inscritos a nome de ninguén.

Este novo privilexio consolida o seu incuestionable poderío inmobiliario, que tan ben quedou ilustrado nunha viñeta de El Roto na que lle fai dicir a Xesús, “Quixen fundar unha Igrexa e non unha inmobiliaria”.

Lugonovo quere deixar claro que “ten o máximo respecto pola Igrexa e tódolos seus integrantes, pero loitará contra o que cre que son privilexio inxustificados como o de non pagar o IBI polos inmobles dos que saca un rendemento económico, aínda que sexa en forma de aluguer”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com