Xosé Chorén, canunciou hoxe que, entre as medidas de Lugonovo para potenciar a participación cidadá, atópase a creación do Valedor do Veciño.
“Unha figura demandada polo tecido asociativo dende hai moitos anos e coa que se persegue que o conxunto da poboación teña unha representación clara, á parte da política, nas institucións públicas”.
O candidato da formación á alcaldía de Lugo trasladaba as súas propostas electorais no marco dunha mesa redonda organizada esta tarde por Adicae na que tamén subliñou a importancia de levar a cabo unha nova reelección dos pedáneos das 54 parroquias do rural lucense “que levan sen renovarse, salvo causa de forza maior, dende principios de século”.
“A revisión e modificación do regulamento municipal para facilitar a intervención do público nos Plenos e aumentar as convocatorias e funcións dos Consellos sectoriais son outras das medidas que nos parecen máis relevantes”, indica Chorén Vázquez ao tempo que sitúa como unha prioridade actualizar a páxina web do Concello e simplificar a organización dos seus contidos para facer a navegación moito máis intuitiva e práctica para o usuario.
“Resulta imprescindible tamén crear un rexistro electrónico. O feito de non ter que desprazarse ás dependencias do Concello para cursar calquera solicitude ou instancia propicia a universalización dos recursos públicos. E, pola contra, a súa ausencia está a supoñer un considerable atranco para que as prestacións e os servizos estean, verdadeiramente, ao alcance de toda a cidadanía”, sinala Xosé Chorén.
O alcaldable de Lugonovo aposta por trasladar esa mesma modernización dixital á OMIC para axilizar a súa opertividade e a tramitación das reclamacións, de igual xeito que cre convinte a colaboración entre esta Oficina e os colectivos que protexen os dereitos dos consumidores á hora de organizar charlas informativas sobre interpretación de facturas eléctricas ou de telefonía – sectores nos que se concentran a maior parte das queixas – ou asesoramento sobre produtos bancarios.
“Así mesmo, consideramos vital que no próximo mandato se poida exercer unha maior supervisión sobre a calidade coa que se prestan os servizos externalizados sobre os que apenas hai ningún tipo de supervisión. Esa deficiente vixilancia tradúcese na insatisfacción das e dos lucenses e propicia que algunas das empresas que se fan cos contratos rematen operando con total anarquía. Queremos ademais que ese control se extenda á inspección municipal tanto de tributos como de cumprimento da normativa local”.
Por outra banda Xosé Chorén propuxo que nos próximos exercicios se incremente a cantidade prevista para os Orzamentos Participativos ata os 800.000 euros, de maneira que os núcleos que conforman o termo municipal poidan dispoñer dun mínimo de 15.000 euros para financiar melloras nas súas contornas.