O Grupo Municipal Lugonovo vén de anunciar que no pleno deste mes de decembro levará unha proposta para crear un circuito histórico patrimonial da cidade que achegue a veciños e turistas “outros capítulos da nosa historia local que ata o de agora non foron postos en valor suficientemente”, tal e como explican dende a formación.
Para iso Lugonovo suxire, entre outras medidas, a creación dunha sinalética propia dos edificios, monumentos e vías, aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías coa utilización de, por exemplo, códigos QR que faciliten ao usuario todos os datos de interese deses espazos.
“Con esta iniciativa – explica o portavoz Santiago Fernández Rocha – pretendemos que a planificación da nosa oferta cultural supere o protagonismo tan especial que ten en Lugo a época romana e, sen deixala ao marxe, sexa capaz tamén de salientar o resto de recursos propios dos que dispoñemos tanto en materia artística, como arquitectónica e patrimonial. Queremos facelo ademais aproveitando tódolos soportes posibles e promovendo paralelamente o seu coñecemento dun xeito lúdico e didáctico entre a cidadanía”.
Para conseguilo, os edís propoñen o establecemento de seis roteiros que, seguindo unha lóxica cronolóxico-temática, destaquen as construcións máis relevantes así como contornas singulares e ubicacións urbanas que “pasaron desapercibidas para a maioría do público pola falta de recoñecemento institucional”, lamentan.
“Entre os circuítos habería un dedicado ao Lugo prerromano e romano, no que se incluirían as partes da cidade orixinaria que quedaron fóra de murallas cando se construíu a fortificación. Outro sobre a Idade Media, con base nas distintas igrexas que contemplen algúns dos episodios históricos que se viviron nelas ou ao seu redor”, explica o voceiro.
“Un terceiro percorrido estaría centrado na Idade Moderna, que acollería unha síntese do período tomando como base os pazos do concello, e os restantes terían en conta as rúas e edificios perdidos ou modificados, a arquitectura racionalista e mesmo ós narradores locais e os escenarios das súas obras”, detalla Fernández Rocha.