Lugonovo levará ao Pleno do Concello de mañá unha proposta instando ao goberno local a acondicionar e recuperar o Camiño Real ao seu paso por Lugo.
A formación denuncia que o treito, de apenas 14 quilómetros, atópase completamente abandonado a pesar da súa valía etnográfica, ecolóxica e paisaxística. “O que noutros tempos foi un importante nexo de comunicación que unía as variantes Primitiva e Norte da ruta Xacobea, entre Lugo e Sobrado, hoxe non é máis que un itinerario esquecido e botado a perder por falta de atención institucional”, lamenta Víctor Álvarez Arias.
O edil explica que o tramo comeza no barrio da Ponte, a altura da Ponte Vella e discorre polo Veral, Malelo e Marcoi ata chegar ao lugar de Pena Agrela, onde remata nas proximidades de Locai. “Un traxecto de gran riqueza medioambiental e potencialidade turística e deportiva que, nestes momentos, esmorece froito do descoido”.
Álvarez Arias refire que, nos últimos meses, o Concello de Friol investiu preto de 150.000 euros na rexeneración deste trazado ao seu paso polo termo municipal no que, entre outras actuacións, se levou a cabo a roza e reapertura de cunetas, o aumento da sinalización e a instalación de mobiliario como bancos e papeleiras coa fin de mantelo limpo e facelo máis atractivo para a cidadanía.
“Dende Lugonovo, ao abeiro da Lei de Patrimonio de Galicia (Lei 5/2016, artigo 91, apartado f), propoñemos darlle continuidade no tramo lucense a todas esas melloras e aproveitar sinerxias para poñer en valor o noso patrimonio natural así como incrementar a oferta lúdica e de esparexemento á disposición da veciñanza”, indica o concelleiro de Lugonovo.
A formación suxire ampliar a Ruta dos Muíños, no Monte Segade, tamén moi descoidada, ou deseñar percorridos para a práctica do sendeirismo ou do cicloturismo como algunhas das utilidades posteriores do Camiño Real encamiñadas á súa definición, recoñecemento e protección.
Abr 25, 2019 - 09:22 AM
Polo camiño que sae na foto, paso todos os fin de semana cos meus cans…esos camiños son preciosos.