Lugonovo propón ampliar a declaración de patrimonio da humanidade a todo o casco histórico

Catedral, Camiño de Santiago e Muralla posibilitan que no centro da capital converxan sendas declaracións de Patrimonio da Humanidade. Tres bens aos que a Unesco outorgou un recoñecemento internacional que non só serviu para elevar o valor histórico e cultural da cidade senón tamén para sentar as bases dunha marca turística propia.

“Sen embargo, esta circunstancia confronta directamente coa outra realidade que emerxe  no mesmo espazo, advirte o portavoz de Lugonovo: a estampa dun Casco Histórico moi decaído nos últimos tempos e necesitado dun plan estratéxico e de meirande atención e coidados”.

“Nesta localización, abonda Santiago Fernández Rocha, reverteron boa parte dos fondos europeos procedentes do Plan Urban, sen embargo, a paralización da rehabilitación iniciada no barrio medieval da Tinería está supoñendo un freo para a súa rexeneración global, que adoece de maior dilixencia que a actual se ansía completarse”.

Esa transformación pendente, que implicaría a súa revitalización e posta a punto  urbanístico, podería chegar, segundo os edís e a edil de Lugonovo, engadindo o Casco Histórico, como zona de amortecemento, ao Patrimonio da Humanidade que xa ten designado o monumento romano.

“Proporémolo no vindeiro Pleno, que se amplíe a declaración a toda a contorna sita entre murallas. Estamos a falar dun dos principais reclamos turísticos do municipio mais adoece dunha dinamización integral que faga compatible a súa pegada arqueolóxica co asentamento da poboación e coa dotación de servizos que iso esixe”, explica o voceiro quen tamén adianta que, de aceptarse, a medida entraña, así mesmo, a creación dun ente especial, un órgano xestor, que custodie, defenda e promocione tódolos aspectos vencellados á causa.

“Sería un punto de encontro e debate entre administracións, entidades e colectivos no que sumar perspectivas e esforzos para que aquelas actuacións que se desenvolvan permitan corrixir as debilidades e potenciar as fortalezas existentes. Trátase de que todo o Casco Histórico se converta nun referente e motor de oportunidades para Lugo”, conclúe Fernández Rocha.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com