Compartir Coche xurdiu nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial para facer fronte á escaseza de combustible. Aínda que a crise favoreceu esta práctica, hoxe son tamén outros motivos os que conseguiron que máis de 70 países de todo o mundo e decenas de localidades en España apoien o desenvolvemento desta prestación.
En consecuencia, Lugonovo anima ao Concello de Lugo a participar na aplicación “Compartir Coche”. Esta aplicación, impulsada polas administarcións locais, xa está en uso noutras comunidades (dende fai anos) como Logroño, Murcia, Irún, Santander, Getafe, Córdoba ou Sevilla
O programa consiste en posibilitar que, mediante unha aplicación, a páxina web municipal sirva como portal de encontro para aquelas persoas que queiran Compartir Coche. O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha explica que é un servizo totalmente gratuíto que se xestiona a través da web do Concello, co único requisito de que os participantes inscritos identifiquen as súas preferencias: o itinerario que queren realizar, se dispoñen ou non de coche, o motivo do desprazamento así como toda unha serie de datos que facilite atopar compañeiros e compañeiras de viaxe que coincidan co seu perfil.
O portavoz de Lugonovo refire como exemplo o caso de Bilbao, onde o emprego desta ferramenta dixital, que leva máis dunha década en vigor, contribuíu a reducir, cada exercicio, 529 toneladas de emisións de CO2 e a retirar da circulación un promedio diario de 1.200 turismos.
“Lugo non pode quedar atrás nesta aposta decidida pola sostenibilidade e as políticas medioambientais entre outros aspectos porque este xesto ten un custo mínimo en comparación cos beneficios que pode reportar para a cidade”, engade o voceiro quen tamén destaca a necesidade de acompañar a medida dunha adecuada campaña de información e sensibilización.