“A raquítica capacidade da inspección municipal e a escasa normativa local converten a Lugo nunha auténtica bicoca para as grandes subministradoras de enerxía”. Esta é a conclusión á que chegan os edís de Lugonovo ao comprobar que, “na actualidade, estas empresas só pagan unha taxa pola explotación que fan do servizo pero absolutamente nada por ocupar o espazo público coas súas infraestruturas”.
“Neste Concello existe unha eiva tributaria importantísima da que se están a beneficiar estas compañías e que prexudica considerablemente ao erario público no que supón unha perda da potestade recadatoria municipal”, denuncia o portavoz.
Santiago Fernández Rocha lamenta que o executivo non dera, ate o momento, nin un só paso para corrixir esta situación cando o Tribunal Supremo emitiu xa varias sentenzas favorables ás administracións locais para que estas graven ás operadoras de electricidade, hidrocarburos, agua e gas cunha taxa polo uso que fan do subsolo, solo e voo no que instalan o seu tendido.
“No seu ditame, o órgano xudicial recoñece o dereito dos Concellos para reclamarlles unha contía por este concepto, tendo en conta o beneficio que lle reporta, ao sector, a utilización privativa ou aproveitamento especial que fan do dominio público”.
E continúa relatando: “baseándose nun estudo técnico – económico, que se sustenta nun informe realizado para a Federación Española de Municipios e Provincias, o Supremo estima unhas tarifas que oscilarían, no caso das eléctricas entre os 3.000 e os 12.000 € por metro lineal segundo o tipo de tensión, baixa, media ou alta e entre os 500 e os 4.000€ para as gasísticas”.
“Estamos a falar de que no termo municipal hai kilómetros destas redes que dan servizo tanto a Lugo como a outros núcleos próximos polo que se trata dunha medida cunha destacadísima repercusión económica”.
Os concelleiros de Lugonovo trasladarán a iniciativa ao vindeiro Pleno, en forma de proposición, para que ou ben se modifique e amplíe a ordenanza en vigor, a 152, que regula, aínda que non se está a aplicar, esta materia ou ben se redacte unha nova que contemple o recente marco legal e o desenvolva de forma específica.
“Sabemos que levalo a cabo esixirá un traballo de campo elevadísimo e moi complexo para os técnicos porque, antes de nada, habería que cuantificar oficialmente todo o tendido pero cremos que non podemos deixar pasar a oportunidade de acadar unha fiscalización máis eficiente, xusta e equitativa para todo o tecido social”.
Fernández Rocha suxire tomar como referencia as disposicións legais que xa rexen este aspecto noutras localidades como pode ser a de Arteixo (A Coruña), onde este gravame suporá o ingreso de máis de dous millóns de euros ao ano.