Os edís de Lugonovo propoñen destinar unha pequena partida orzamentaria a fomentar a creación cultural entre a mocidade mediante a convocatoria dun certame anual no que teñan cabida todos os ámbitos artísticos.
O voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, matiza que “A crise económica afectou en demasía ao mecenado artístico ate o punto de que a cultura adquiriu hoxe a consideración de luxo, algo que nos parece intolerable. Por iso cremos que deben ser as administracións locais, as que, en primeira instancia desenvolvan e potencien as facultades máis positivas do individuo: a sensibilidade, a creatividade, en definitiva, as ideas como o motor do mundo e como base que sustenta a identidade”
Fernández Rocha, explica que “se trata dunha medida de impulso á creatividade e de apoio aos rapaces e rapazas de entre 14 e 35 anos para incentivalos e que non perdan nin a ilusión nin o gusto pola cultura, de reforzar as súas aptitudes e, tamén de premialas, non só economicamente senón dunha forma pública”.
O portavoz de Lugonovo suxire “reservar un investimento entre os 20 e os 30 mil euros para financiar os galardóns así como crear, posteriormente, unha mostra cos traballos que podería estar exposta nalgunha das dependencias museísticas da cidade”.
Con esta iniciativa, Lugonovo pretende que “o Concello amose a súa aposta pola cultura, polo seu fomento e pola valía das novas xeracións. O concurso sería unha forma de canalizar a participación, de dinamizar a produción e de promocionala a nivel institucional”.
“Os interesados só terían que presentar obras orixinais, de forma individual ou colectiva en diferentes eidos como poden ser o cómic, o deseño gráfico, a vídeo arte, as curtametraxes, os relatos curtos, microrrelatos, poesía, música, deseño de moda e de complementos, fotografía, escultura, música, etc… A inscrición, por suposto, sería gratuíta”, abonda o portavoz.
A proposta da formación vai encamiñada igualmente a propiciar un ocio alternativo entre a xuventude e a sentar as bases dun programa de difusión e proxección da actividade cultural que, entre outras cousas, repercuta positivamente na imaxe de Lugo.