A Agrupación Municipal Lugonovo, proporá no vindeiro pleno que o goberno local elabore unha gran guía descritiva que recolla a información botánica do Concello ao completo e que sirva para pór en valor toda a riqueza paisaxística local. Esa é a proposta que Lugonovo presentará, pola vía da emenda, a unha das mocións que se debatirán no vindeiro Pleno co obxecto de identificar as árbores do parque de Rosalía de Castro.
O voceiro da agrupación, Santiago Fernández Rocha, asegura que dende o goberno local impúlsase o patrimono histórico e gastronómico pero considera que tamén cómpre salientar o natural. “Publicamente estase a trasladar un esforzo por potenciar o noso patrimonio histórico e gastronómico pero tamén cómpre salientar o natural ç e non todos os nosos recursos se concentran exclusivamente neste enclave da capital. Moitas rúas, como a Avenida de Ramón Ferreiro, Fontiñas, a propia Praza Maior, barrios como o do Carme ou a Ronda de Fingoi, xardíns como o de Albeiros, Frigsa e mesmo a Carballeira, os paseos do Rato e do Miño, etc… contan cun arborado extenso e abundante que merece ser destacado”, asegura Rocha.
O documento, explica o voceiro da formación, reflectiría todos estes datos (orixe, coidados, usos para os que foron empregados nas distintas épocas, froitos que dan…), pasando a ser unha ferramenta de gran utilidade non só dentro da comunidade escolar senón como atractivo turístico.
“Lugo pertence á rede de Cidades Educadoras e, como tal, debera cumprir unha función pedagóxica máis aló dos muros das aulas. Contamos con múltiples escenarios e son tamén moitos os axentes sociais que poden contribuír a esa divulgación do coñecemento, só é necesario saber aproveitalos”.