Lugonovo propón crear unha Mesa pola Dignidade para loitar contra a pobreza

Lugonovo propón crear unha Mesa pola Dignidade para loitar contra a pobreza. A formación fai esta proposta dous días antes de que se conmemore o Día Mundial das Persoas sen Fogar. Segundo os datos facilitados por Cruz Vermella en Lugo, principal apoio deste colectivo, na cidade de Lugo atendéronse 268 casos en 2015; a todas elas proporcionóuselles unha axuda integral, dende a alimentación ate o aseo e hixiene así como a intermediación familiar e laboral.

Con todo, desde Lugonovo denuncian que as cifras da necesidade no municipio “son moito máis extensas” xa que Cáritas ofrece axuda en torno aos 6000 usuarios anuais e só o Banco de Alimentos proporciona sustento, a través de Aviva, a 1.100 familias da capital e arredores, ás que hai que engadir 200 máis en Monforte e outras 450 na Mariña.

Esta realidade fai preciso, segundo os edís de Lugonovo, a posta en marcha dunha Mesa pola Dignidade que, encabezada polo Concello, como administración máis próxima á veciñanza, impulse a coordinación de tódolos esforzos en materia asistencial. “Sería unha mesa de traballo, contra a pobreza pero fundamentalmente pola dignidade, na que, en primeiro lugar se fixera unha análise da escena actual e logo se estableceran as prioridades e se aproveitaran as sinerxias para resolvelas”, explica a concelleira Cristina Pérez Herráiz.

Dende o Grupo Municipal sublíñase que unha boa organización dos recursos acadaría unha maior eficacia e alcance dos mesmos ao tempo que serviría para corrixir moitos dos déficits que agora se rexistran. “Cómpre lembrar ademais, destaca Pérez Herráiz, que imos cara o inverno, cando resulta moito máis penoso sobrelevar as circunstancias que rodean a indixencia. Debemos ser conscientes de que a maioría das persoas que viven nas rúas, ou que acoden temporalmente aos albergues, veñen de sufrir unha rotura traumática dos seus lazos familiares e sociais e, moitas veces, o medo ao rexeitamento impídelles refacer a súa vida, por iso é preciso unha atención global que afiance a súa reinserción.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com