Lugonovo reitera a súa petición para que o goberno valore instalar un semáforo que regule o acceso do tráfico rodado ao Casco Histórico a través da Porta Miñá. “Trátase dunha vella demanda veciñal que se vén repetindo nos últimos tempos e que mesmo na Mesa Local de Comercio, celebrada a principios de mes, os propios empresarios da contorna quixeron recuperar para advertir que pequenas actuacións coma esta mellorarían notablemente a vida no barrio”, explica a voceira da formación.
Actualmente os turismos só poden entrar a esta parte da cidade pola Porta do Carme ou, con acreditación, pola de Santiago, pero non saír. “Esto provoca que os residentes se vexan obrigados a dar un rodeo pola Tinería, o Miño e a Rúa Nova ata chegar a Bolaño Rivadeneira e San Fernando. Un percorrido innecesario que dificulta a mobilidade nas vías peonís xa saturadas, de por sí, cos furgóns de carga e descarga”, refire Cristina Pérez Herráiz.
A medida proposta permitiría, en cambio, substituír un traxecto de kilómetro e medio por outro de 65 metros, libre de obstáculos como son as mesas e cadeiras das terrazas de hostalaría. Para aforrar as molestias aos viandantes, tempo e combustible, a voceira do Grupo Municipal suxire colocar un semáforo de preferencia que, en coordinación cos da Ronda, solvente as deficiencias de visibilidade que presenta este tramo do monumento.
“O dispositivo, que podería ubicarse na intersección do Miño coa Tinería onde existe maior espazo para manobrar, posibilitaría establecer a prioridade de paso e axudaría a aliviar, en certa medida, a circulación que se rexistra dentro de Murallas ademais de mellorar a habitabilidade na zona”, conclúe a portavoz de Lugonovo.