Lugonovo cre necesario mellorar a mobilidade da nosa cidade para que se incremente a utilización dos medios de transporte público colectivo por parte dos traballadores.
A plataforma política asegura que “as cantidades satisfeitas polas empresas para os desprazamentos dos seus empregados entre o lugar de residencia e o centro de traballo en transporte público están exentas sempre que non superaren os 136 euros mensuais, ou os 1.500 euros anuais”.
Aplicando políticas de mobilidade para os traballadores “fomentaríamos o uso do transporte público entre os empregados xa que ademais de proporcionarlles importantes beneficios fiscais, resulta unha forma de desprazamento ao traballo máis sostible tanto económica como medioambiental, ao diminuír substancialmente o tráfico e a contaminación na cidade”.
Este tipo de axuda pode materializarse mediante “unha tarxeta que a empresa entrega aos empregados e só é válida para o transporte público”. As tarxetas serían mensuais, segundo as necesidades do traballador, e de uso persoal, polo tanto nominativas e intransferibles, e estarían numeradas e co nome da entidade emisora. Pola súa banda, os traballadores non cotizarían á Seguridade Social nin o IRPF desta axuda no caso de pactarse como incremento da masa salarial”.
Lugonovo lembra “que estamos no tempo de deseñar as novas liñas do transporte público da cidade, liñas que deben entrar en vigor antes dun ano, polo que consideramos que é necesario elaborar un plan no que participen os sectores implicados e que permita o desprazamento en transporte público dos traballadores dos distintos polígonos, considerando os importantes beneficios que reportaría para todas e todos os actores implicados e para a propia mobilidade da nosa cidade”.