Lugonovo propón un programa de aforro enerxético para as escolas públicas

Trala recente adhesión do Concello ao Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas, Lugonovo propón inaugurar a súa integración nesta organización coa posta en marcha, nos centros educativos, durante o vindeiro curso, dunha iniciativa de aforro enerxético inspirada no Programa europeo 50/50.

“Trátase dun proxecto pedagóxico, encamiñado a involucrar á comunidade escolar para traballar na eficiencia das instalacións. Consistiría en que todo o que consigan economizar revertirá de novo no propio colexio; unha metade para resolver necesidades ou demandas da escola como, por exemplo, poden ser as axudas ao comedor, material didáctico, etc… e, a outra, para seguir acometendo accións de mellora do edificio”, explica o voceiro.

“A fórmula – abonda Santiago Fernández Rocha – persegue multiplicar o efecto motivador e afianzar a concienciación dos máis novos sobre as estratexias globais que favorecen e protexen ao medio ambiente así como transformar o modelo enerxético actual partindo dunha cidadanía informada pero tamén beneficiaria do aforro que ela mesma xera”.

Cómpre lembrar que a administración local gasta preto de seis millóns de euros anuais na subministración da luz e o gas aos distintos inmobles dos que é responsable no seu mantemento. Entre elas atópanse os colexios públicos de infantil e primaria, dotados con contadores de lectura propios, tanto de auga como de enerxía, o que supón dispoñer da principal ferramenta para a viabilidade e materialización da medida, segundo indica Fernández Rocha. “Este é, sen dúbida, o mellor lugar para asentar nas novas xeracións o espíritu comprometido coa sustentabilidade”.

A formación trasladará esta suxestión ao vindeiro Pleno co ánimo de iniciar unha aposta decidida e progresiva polas políticas verdes e a conservación da natureza, alegando que “non é unha opción, senón unha imposición á que obriga a Carta de Albor, o “Green Tic” e mesmo a Axenda 21”, conclúe Santiago Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com