Nunha reunión con membros do Goberno, o grupo municipal de Lugonovo propuxo o impulso “dunha Ruta gastronómica do bo vivir, como elemento integrador da nosa identidade e singularidade”. A devandita iniciativa consistiría na creación dunha rede de restaurantes e produtores que tería como finalidade “potenciar a nosa cociña a base de produtos autóctonos, mediante a creación dun selo de calidade, sometido a un estrico control”.
Lugonovo pensa que a gastronomía é un elemento esencial para o enriquecemento e complementando os destinos turísticos, e “a cociña tradicional, baseada en produtos autóctonos e de calidade, un elemento identificador e diferenciador do turismo, ademais de ser por si mesma un atractivo turístico”. “Trátase, polo tanto, de incorporar e potenciar a gastronomía tradicional baseada nos produtos da Terra á nosa oferta turística, complementando o lema E para comer, Lugo” inciden.
Para Lugonovo, esta iniciativa, “debe ir acompañada dunha ampla campaña de marketing que fortaleza a nosa singularidade gastronómica”. Ademais subliñan ”débese impulsar, en convenio coa Universidade, o desenvolvemento dunha iniciativa de estudo e recuperación da nosa cociña tradicional, para dende aí innovar”. Esta iniciativa conclúe a Plataforma, “debería ir acompañada da creación dun obradoiro permanente de restauración de pratos de cociña tradicional ao tempo que de laboratorio de innovación deste tipo de produtos”.