Lugonovo reclama o acondicionamento da estrada vella de Santiago

Lugonovo denuncia o desleixo que sofre a estrada vella de Santiago e que a converte nun perigoso escenario para os viandantes.

“É saír do barrio da Ponte e nese mesmo punto esgótanse tamén as dotacións públicas. Dende o cruzamento co Rego do Espiño, en toda a Estrada Vella de Santiago non existe nin a primeira beirarrúa que facilite o tránsito peonil”, lamenta Víctor Álvarez, concelleiro de Lugonovo.

“O cualificativo máis axeitado para definir a envergadura que alcanzou aquí a maleza é o de desenfreo vexetal. Dende os predios, pasando polas cunetas e ata a mesma calzada, as malas herbas acaparan o pouco sitio que quedaba libre para camiñar de maneira que agora hai que invadir o carril para poder desprazarse pola zona”, advirte Víctor Álvarez quen pregunta ao goberno se lembra que esta área tamén pertence ao termo municipal.

“Toda a contorna presenta un estado tan lamentable de conservación que dá a sensación de que o Concello non investiu absolutamente nada nela dende que recepcionou a vía, hai máis dun lustro”.

Unha boa limpeza, unha roza en condicións e tamén a habilitación de espazos seguros para os transeúntes son algunhas das demandas que reclama a formación para este enclave de Lugo.

“Por non ter, a veciñanza nin sequera dispón dunha marquesiña onde gorecerse mentres espera polo transporte público. Ou se torra ao sol ou se enchoupa á intemperie agardando a que chegue o bus.  Eso, se as silvas non engulen antes o sinal  e a parada desaparece”, lamenta o edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com