Lugonovo reclama o acondicionamento da rúa Vila de Sarria. A formación denuncia que se trata dunha “vía sen saída, esquecida dende hai anos polo executivo local” que podería ser modificada aproveitando as obras de canalización do gas que se están realizando estes días.
Santiago Fernández Rocha explica que a calzada presenta, dende hai moitos meses, importantes deficiencias que precisan ser corrixidas para evitar que, a longo prazo, se convirtan nun problema de seguridade.
“A pendente orográfica que a caracteriza favorece a acumulación da choiva, especialmente no inverno, e a erosión que produce a auga que queda alí estancada acabou por provocar unha fochanca de proporcións considerables que, dende logo, non se resolve cun parche de grava”, subliña Rocha.
Ademais, o voceiro da formación tilda de “apósitos” os arranxos aos que esta rúa foi sometida nos últimos tempos. “A despreocupación do goberno pola conservación desta parte da cidade é absoluta, un sentimento que nos trasladan, con frecuencia, os veciños da contorna. Agora mesmo a configuración actual de Vila de Sarria, non resulta práctica nin para peóns nin para automóbiles polo que consideramos é necesario replanteala”, explica Fernández Rocha.
Dende o Grupo Municipal suxiren a creación dunha estrada mixta, sen beirarrúas, exenta de delimitacións específicas, que mesture un espazo compartido entre viandantes e coches. “Sería unha forma de avanzar na peonalización, tan demandada en todo o barrio e unha forma de que este recuperase a súa notoriedade dentro do conxunto da capital”.