Trimestre tras trimestre, os informes sobre a calidade da auga das fontes que non están conectadas á rede de abastecemento seguen a confirmar que máis da metade continúan afectadas pola contaminación bacteriolóxica. Así o denuncia, de novo, a agrupación municipal Lugonovo quen, para axudar a emendar esta situación propón regular a recollida, transporte e xestión dos residuos procedentes das fosas sépticas e dos pozos negros existentes no rural.
Dende a formación sinalan que se trata dun servizo que xa existe noutras moitas localidades e que en Lugo podería beneficiar aos residentes das 40 parroquias que actualmente carecen de saneamento.
“Antes de nada – destaca a súa voceira – convén recuperar e actualizar a ordenanza que regula tódolos aspectos relacionados co tratamento dos refugallos para, a continuación, desenvolver unha prestación de baleirado e limpeza das foxas privadas así como de traslado dos lixiviados ata a planta de tratamento para garantir que se fai axeitadamente”.
Os edís da agrupación municipal advirten que moitas destas instalacións particulares teñen filtracións e están a causar danos ao medio ambiente contaminando, en moitos casos, os acuíferos. A medida que suxiren contribuiría a evitar os vertidos, a corrixir o prexuizo ecolóxico e a dotar ao rural dunha ferramenta moi necesaria que contrarreste tódolos déficits de dotacións que padece.
Os concelleiros e a portavoz de Lugonovo apuntan que este sistema, que xa é unha realidade en Arteixo, en Oza – Cesuras dende hai tres anos e tamén en Ferrol, a través da empresa mixta Emafesa, sería unha medida provisoria ata que non chegue o saneamento definitivo do núcleo rural, polo que instan, igualmente, a administración local a seguir loitando para que o executivo autonómico cumpra coas obrigas que lle corresponden.