A agrupación municipal Lugonovo puxo de manifesto esta mañá “a dobre vara de medir do goberno local á hora de atopar fórmulas legais que posibiliten a exención do Ibi”. O portavoz da agrupación, Santiago Fernández Rocha lembrou, que en outubro de 2015 a formación presentara unha proposición en Pleno, aprobada pola maioría da Corporación, para axudar ás familias con menos recursos no mantemento da vivenda habitual.
O voceiro advertiu que condonarlle o imposto á administración autonómica “parece -para o Concello– posible e necesario; sen embargo, o executivo transmite que a mesma acción non ten encaixe fiscal cando os beneficiarios son os veciños e veciñas que se atopan nunha situación de precariedade”.
Santiago Fernández Rocha advirte certa “elasticidade” nos criterios de xestión que mantén o equipo de Lara Méndez tras asistir, o pasado martes, ao anuncio da rexedora de “intercambiar coa Xunta os cartos dos lucenses” para dotar de equipamento ao Auditorio, rexeitando o ofrecemento inicial de Núñez Feijoo de aportar á causa 1’2 millóns euros.
Para Lugonovo, “se era un mal trato asumir 2,4 millóns entre Concello e Deputación, peor acordo é que a cidadanía teña que poñer tres millóns e medio para concluír o auditorio”. Fernández Rocha, evidencia que ven contraditorio que aos veciños se lles poida pedir ese esforzo “pero o goberno non sexa quen de aplicarse tamén para tratar de artellar mecanismos que permitan alixeirar as cargas municipais dos que menos teñen”.
Para a agrupación municipal, as administracións deben desenvolver unha función de tutela, dentro do posible, arroupando aos máis desfavorecidos con solucións inmediatas.