Lugonovo cualifica de difamación as declaracións do portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular nas que asegura que a alcadesa trata de comprar os favores desta formación co nomeamento do novo Director Xeral de Recursos Humanos.
“Nada máis lonxe da realidade. Que teña moi claro o señor Ameijide que non é posible que o goberno merque a Lugonovo, porque Lugonovo non intercambia tratos de favor con ninguén”, acláralle a voceira da agrupación, Cristina Pérez Herráiz.
“Que non se preocupe, que o espazo destinado a este tipo de manobras á marxe da política xa lle queda reservado para el e o seu partido. Non hai máis que ver o gran negocio que fixeron hai uns meses co executivo para equipar o novo Auditorio a conta de hipotecar ao concello durante varios mandatos”, contéstalle a voceira.
“Unha mágoa – engade Pérez Herráiz – que o portavoz do PP prefira suplir a falta de protagonismo e o seu escaso liderado interno con declaracións que rozan a infamia e a calumnia, e non con traballo produtivo para a cidadanía. Así é como el asume a súa condición de concelleiro”.
Lugonovo lembra que cando a anterior Directora de Recursos Humanos presentou a súa renuncia, a agrupación pediulle ao equipo de goberno que, se pensaba cubrir a praza de novo, o fixera brindándolle á persoa seleccionada tódalas ferramentas que precisase para poder desempeñar o seu cargo coa máxima eficacia.
“Aprobar a RPT, poñer en marcha o sistema de control horario nos distintos edificios municipais ou axilizar as convocatorias de emprego público son cuestións que xa non se poden, nin se deben adiar máis”, destaca a portavoz.
“Dende Lugonovo lamentamos ter que dar por perdido practicamente todo o mandato no que ten que ver coa organización do persoal municipal, pero que ninguén esqueza que moitas das carencias de funcionamento que padece esta administración resolveríanse cunha organización axeitada e cunha correcta distribución dos seus traballadores e traballadoras, polo que esta Dirección, ben defendida, pode ser útil na consecución de tal fin. Lástima que o PP, con todo o tempo que leva formando parte da Corporación, dirixíndoa ou na oposición, aínda non teña sido capaz de facer nada de proveito nesta área”, conclúe Cristina Pérez.