Lugonovo insta ao executivo local a corrixir o caos de sinalización que se mantén na confluencia de Camiño Real con Xulia Minguillón e Río Ser onde se concentran ata cinco pasos de peóns diferentes, uns a escasos metros dos outros e para regular, incluso, o mesmo punto de cruzamento.
“Hai máis de tres meses que finalizou a demolición do inmoble que se atopaba en ruína na rúa Xulia Minguillón, momento no que tamén se restableceu o tráfico rodado nesta vía. Se as limitacións de circulación remataron daquelas, non entedemos por qué aínda se manteñen no lugar os pasos de cebra provisionais que se pintaron ao efecto e que, entendemos, agora mesmo carecen de función”, explica a portavoz do Grupo Municipal.
Cristina Pérez Herráiz advirte que a duplicidade de marcas viarias está a supoñer un foco de confusión e de inseguridade tanto para condutores como para viandantes. “Conservalos non ten sentido, é máis, só serve para crear controversias cando, cremos, non custa demasiado solventalo cun pouco de vontade e interese, se o houbera, por parte do goberno local”.
A voceira da formación cualifica a situación como “outra mostra máis da evidente deixadez que xa caracteriza ao executivo, ao que solicitamos máis axilidade para emendar esta deficiencia que a que amosaron, no seu día, para acometer os traballos de derrubo da vivenda”, conclúe Cristina Pérez.