Lugonovo solicita ao Concello a mellora dos accesos peonís da Muralla

Mellorar a sinalización aos accesos peonís da Muralla, que Lugo se declare Concello Antiglifosatos (os glifosatos son herbicidas no selectivos de amplo espectro) e instar ao equipo de goberno a que inicie o proceso administrativo que posibilite a retirada do guindastre sito nas coñecidas como Torres do Garañón, son algúns dos rogos que o concelleiro do Grupo Municipal Lugonovo, Iñaki García Gómez, levará ás vindeiras Comisións de Desenvolvemento Sostible e Persoal e a de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes desta semana.

“Ante o malestar amosado por algúns visitantes durante os meses de verán pola dificultade que atoparon para subir á Muralla polas entradas peonís, Lugonovo solicitaralle ao Concello mediante un rogo, que revise a sinalización actual e que a mellore con novas indicacións e ubicadas dun xeito máis eficaz, para facilitar o acceso directo dos visitantes ao adarve do Monumento”.

Asemade, Iñaki García tamén pedirá na mesma Comisión de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes que o equipo de goberno axilice a tramitación necesaria para iniciar o proceso que permita a retirada do guindastre das Torres do Garañón, “unha construción cando menos cuestionable que só serve para avergoñar ás anteriores executivas locais”.

“Dende Lugonovo, e para darlle respaldo á petición feita pola Plataforma en Defensa das Costas do Parque, solicitamos ao Concello que empece a soltar lastre retirando o devandito guindastre que afea e agrava máis a situación nun dos espazos verdes máis emblemáticos da capital”.

Doutra banda, o mesmo edil instará á Comisión de Desenvolvemento Sostible e Persoal para que Lugo se declare municipio antigflifosatos, e prohiba a súa utilización tanto polos servizos municipais como polas empresas concesionarias que traballen con este tipo de substancias.

“Hai que ter en conta que se trata dun agrotóxico con moito risco para a saúde humana, animal e ambiental e que existen evidencias médicas que sospeitan que a exposición a estes herbicidas está relacionada con enfermidades como os linfomas Non – Hogkin, malformacións, enfermidades endocrinas, dexenerativas, do sistema nervioso, etc. Ademais nin sequera as altas medidas de seguridade que precisan poden garantir a súa inocuidade, polo que demandamos que, igual que se fixo en Francia, estes produtos queden descartados tamén en Lugo e sexan prohibidos e substituídos por outros menos nocivos”, concluíu García.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com