Lugonovo solicita ao Concello que atenda as demandas do CEIP Rosalía

A agrupación municipal Lugonovo pide ao goberno local que faga caso ás peticións sobre as que a dirección do Ceip Rosalía de Castro denuncia unha absoluta “despreocupación municipal“. As demandas deste colexio público veñen de ben atrás e, segundo a edil desta agrupación, Victoria Esteban, trátase de “pequenas anomalías” pero chegan a afectar ao funcionamento da actividade docente.

A concelleira de Lugonovo subliña, entre outras cousas, o feito de que non se estea a subsituír a baixa do conserxe. “A solución dada polo goberno consistiu en enviar un bedel que se encarga, exclusivamente, de abrir e pechar as portas do centro á entrada e saída do alumnado, unha medida pouco resolutiva que obriga aos mestres a estar pendentes do porteiro durante o transcurso das clases”, explica Esteban Riesco, “polo que vemos acaída non só a cobertura da praza por un traballador da mesma categoría profesional senón que tamén sería necesario abondar na delimitación das súas competencias”.

Do mesmo xeito, dende a formación, fanse eco doutras demandas que reclama o colexio como a reposición de mobiliario que foi trasladado para acometer unhas obras e aínda non foi devolto ao seu lugar, así como a mellora da limpeza “para o que sería preciso un reforzo do cadro de persoal”.

“Esta comunidade educativa quéixase tamén de que as liñas das pistas deportivas atópanse tan despintadas que a penas resultan visibles, as portarías de fútbol están rotas e a rede que contiña os balóns para que non saísen á rúa  leva sen repoñer dende que caeu o ano pasado. Tamén as canchas de baloncesto e outras zonas, como o barracón que fai as funcións de comedor, se encontran invadidas de graffiti. Eivas que cómpre corrixir e que non deberan demorarse por máis tempo e así llo faremos chegar ao executivo a través dun rogo á correspondente Comisión de Pleno”, conclúe Victoria Esteban.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com