Lugonovo presentou hoxe unha pregunta escrita no consistorio coa que pretende que se exerza un control rigoroso de todos os servizos externalizados que ten o Concello.
“Avaliar a calidade da prestación que se fai do contrato e trasladalo periodicamente á Corporación a traveso de informes trimestrais, elaborados por inspectores do Departamento de Intervención na Comisión Especial de Contas, Desenvolvemento Económico, Protección da Comunidade, Concello e Cidadanía para garantir a transparencia da xestión”.
Lugonovo espera que o equipo de goberno dé contestación sobre o procedemento actual de vixilancia que se leva a cabo co fin de melloralo. O seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, apunta “á necesidade de que todos os partidos teñan coñecemento de cal e cómo é o seguimento que se fai destas contratacións, das incidencias, se é que as hai, que se produzan durante o desenvolvemento das súas funcións e das solucións que se ofrecen para correxilas”.
Lugonovo propón como fórmula máis axeitada a configuración dun departamento de inspección na que o seu persoal teña como prioridade a supervisión do bo funcionamento dos servizos, especialmente dos que están externalizados, para exercer un control exhaustivo do cumprimento das tarefas e da calidade da súa prestación. Un traballo que, actualmente, desempeñan, entre outras labores, os xefes de sección.
“Se realmente hai vontade de participación e transparencia, unha boa evidencia sería o seu traslado, con informes trimestrais, á Comisión Especial de Contas e Desenvolvemento Económico, co fin de que toda a Corporación sexa consciente do estado dos mesmos. Non é máis que un exercicio de implicación e responsabilidade na xestión municipal por parte de tódalas forzas políticas”.