Lugonovo solicita a reducción da velocidade a 30 km/h nas avenidas de Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo ao comprobar como cerca de 4.000 estudantes acoden a diario aos centros ubicados na contorna.
“Se os últimos anuncios da alcaldesa son un compromiso verdadeiro e non unha mera declaración de intencións, este é o momento de seguir avanzando na prioridade peonil dentro da mobilidade urbana”, asegurou o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha que cre que outros enclaves da cidade precisan tamén dunha ordenación urxente da circulación e que esta non debe quedar relegada ao perímetro da Muralla.
“Comezando pola Avenida de Rodríguez Mourelo, Ramón Ferreiro e Montirón, consideramos un imperativo regular a saturación de automóbiles que se rexistra nesta parte da capital”, apunta Santiago Fernández Rocha. “Falamos de tres rúas nas que conviven ata seis centros de ensinanza: o IES Lucus Augusti, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, a Facultade de Maxisterio, e os CEIP de A Anexa, María Auxiliadora e Rosalía de Castro. Xuntos, suman case 4.000 motivos polos que resulta imprescindible promover o calmado do tráfico na zona e reforzar a seguridade dos viandantes”, afirmou Fernández Rocha.
A existencia de tan ampla comunidade educativa esixe, sengundo a formación, a posta en marcha de novas medidas encamiñadas a garantir a protección do transeúnte. Unha das demandas máis reiteradas de Lugonovo, neste senso, é a peonalización do último tramo de Ortega y Gasset, entre a Praza da Liberdade ata o inicio de San Roque. “En setembro do ano pasado propuxémoslle ao goberno aproveitar o Día Sen Coches para ensaiar como resultaría a eliminación dos vehículos nesta vía. A petición non tivo ningunha resposta mais non chegamos a entender por qué non se acomete, tendo en conta que nesa ubicación non hai garaxes e os condutores contan con traxectorias alternativas”, lamenta o voceiro.
Do mesmo xeito, Lugonovo propón diminuir a velocidade tamén en Montirón, ata o entroncamento con Fontiñas, un treito no que “a presenza dunha escola debería ser razón suficiente” para retranquear, asemade, os pasos de cebra”. Para a agrupación municipal está inxustificado que os coches podan pasar ata a 40 km/h “ante a propia configuración da vía cun ancho total que non alcanza os 9 metros”, engade Fernández Rocha.
“A conservación do patrimonio sí pero, as persoas antes. Facer de Lugo unha cidade habitable esixe darlle solución ás necesidades reais de cada espazo e preto de 4.000 alumnos e alumnas deberan ser un argumento de peso á hora de organizar as prioridades”, conclúe.