Lugonovo solicita, por segunda vez, o arranxo dun dos valados do rato, a carón do Camiño Primitivo

O portavoz de Lugonovo lamenta que “en seis meses a Deputación non fora capaz de reparar o muro que acompaña ao cauce do Rato ao seu paso polo Camiño Primitivo”.

“En setembro de 2016 alertamos do esborrallamento que sufría o empedrado dunha das paredes de contención do río a altura do barrio da Chanca e, medio ano despois, a situación lonxe de mellorar, aínda é peor”, afea Santiago Fernández Rocha.

O voceiro da agrupación municipal reprocha “a pasividade do organismo provincial para acometer unha acción que, a simple vista, non entraña ningunha complexidade burocrática” e laiase tamén de que, “dende a institución local, non se lle teña apremiado xa a facelo”.

“A despreocupación é tan evidente que produce bochorno alleo” – enfatiza Rocha. “Estamos a falar dun espazo natural que é punto de encontro de moitos lucenses para o ocio e a práctica do deporte. Dun escenario cunha pegada histórica chea de simbolismos por formar parte do Camiño a Compostela nun dos trazados con maior recoñecemento internacional e nin iso sirve de acicate para que se lle preste a atención e o coidado debido”.

“O ano entra nunha das etapas con maior afluencia de turistas e peregrinos, ben polas pontes festivas, ben pola chegada do bo tempo e da proximidade dos períodos vacacionais e non nos parece de recibo que o visitante teña que marchar de Lugo coa sensación de deixadez que denota o feito de manter nestas circunstancias un dos mellores reclamos dos que dispoñemos”.

Dende a formación solicitan, por segunda vez, o seu arraxo e reiteran tamén unha vella petición veciñal: a necesidade de instalar algún tipo de sinalización no cruzamento que une A Chanca co Paseo do Rato.

“A intersección carece, por completo, de indicacións que recomenden a freada. Se aínda non se produciron accidentes foi unha casualidade porque o certo é que se trata dunha estrada con moito tránsito rodado á que tamén chegan numerosos ciclistas procedentes do Camiño, e non hai advertencia de ningún tipo”, subliña Santiago Fernández Rocha.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com