O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha cualificou de “campo de minas” o asfaltado da rúa García Portela. Segundo asegura o voceiro a calzada desta rúa “está chea de fochancas”.
“Non hai metro da calzada na que non apareza unha fochanca. Algunhas son tan fondas que ademais do pé de calquera colle ata a roda dun coche, o que está a dificultar incluso a manobra dos condutores á hora de aparcar porque o neumático se atasca durante os xiros”, asegurou o voceiro de Lugonovo.
Santiago Fernández Rocha consideta “incrible” que nunha das vías máis importantes e céntricas da capital o descoido municipal chegue a estas magnitudes.
Para Fernández Rocha, esta problemática é máis grave debido a que nas inmediacións hai varios centros educativos, pistas polideportivas e os Xulgados, ademáis de instalacións sanitarias e un espazo verde emblemático da cidade, como é o Parque de Rosalía de Castro.
A solución, para o voceiro do Grupo Municipal, pasa por tomar medidas rápido, para o que Lugonovo conta con instar ao goberno municipal cun rogo na próxima Comisión de Infraestruturas, a que mellore canto antes o pavimento.