“Rogan nas campañas de Facenda, co xa manido por tantos, en prol do sostemento propio, pero á hora de contribuír ao ben común son os primeiros que tratan de evadir impostos. Esgrimen o Concordato de 1979, os acordos co Vaticano e mesmo a Lei de Mecenazgo 49/2002, calquera argumento legal lles serve para evitar o pago dos tributos, ben sexa o IBI dos inmobles relixiosos e incluso daquelas propiedades ás que lles están a sacar rendemento como negocio”.
Así o afirma o portavoz do grupo municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, quen apunta asemade que “un comportamento, cando menos inmoral, pouco acorde á imaxe que pretende vender de sí mesma, como referente de caridade, e que xa raia na ofensa, neste caso, cara os veciños da cidade ao ser coñecedores de que agora, tamén, a Igrexa tratará de non aboar os actuais gravames por lixo, correspondentes ao aparcamento do Seminario”.
Fernández Rocha, denuncia que, estes días, un equipo xurídico da institución eclesiástica está a solicitar documentación municipal ca finalidade de recurrir constantemente tódolos recibos remitidos polo Concello nunha “escura manobra” de perpetuar os seus privilexios. “Unha desvergoña que xa empeza a traspasar a fronteira do roubo e co que, dende Lugonovo, non ímos comungar”.
O Grupo Municipal tratará de promover na vindeira Xunta de Voceiros unha Declaración Institucional para que toda a Corporación apoie, de xeito unánime, que a Igrexa ten a mesma obriga que o resto de veciños de aboar os seus impostos. “Trátase de facer público o compromiso de tódolos partidos cos intereses xerais por riba dos particulares. Os acordos Estado – Igrexa non exoneran do pago da contribución polos pisos, garaxes e por tódolos edificios que non teñen usos pastorais. Os impostos son tamén unha cuestión de solidariedade, unha forma laica de comuñón de bens e de redistribución da renda, de efectivizar a xustiza social e, aquí, Lugonovo quere atoparse ca Igrexa, a primeira que debería estar obrigada, nesta materia, a predicar co exemplo”.
Lugonovo quere que as afirmacións feitas polo portavoz do equipo de goberno, Miguel Fernández nas que afirmaba onte que o Concello estuda cobrar o imposto polo aparcadoiro do Seminario, e coas que Rocha concorda plenamente, non queden só nunha declaración de intencións e por iso agarda que o resto dos grupos municipais respalden, ACE xa o propuxo hai días, ca súa conformidade, que o Concello empregue tódolos recursos legais que están ao seu dispor para que a Igrexa cumpra cas súas responsabilidades como un contribuínte máis. Unha iniciativa que, sería desexable, se asumise asemade dende o executivo central.
Doutra banda, o Grupo Municipal Lugonovo quere amosar o seu apoio ás Marchas da Dignidade, que nos vindeiros días sairán á rúa en mobilización reclamando o remate das políticas que supoñen unha agresión para os cidadáns.
O concelleiro desta formación, Iñaki García, destaca o traballo que, dende hai varios anos, está a facer esta entidade que aglutina a máis de sesenta organizacións entre colectivos veciñais, sindicais, culturais e sociais.“Compartimos o lema: Pan, Traballo, Teito e Dignidade e somos ademais moi conscientes da importancia de visibilizar as reivindicacións das Marchas. Unha porcentaxe moi elevada da poboación segue a atravesar unha situación dramática. A crise, lonxe de solventarse, está a provocar aínda moitos casos de emerxencia social e pensamos que é traballo de todos, particulares e administracións, intentar resolvelos”.
Por iso, Lugonovo súmase ao chamamento feito polas Marchas da Dignidade para que tanto hoxe, en Lugo, como o vindeiro 24 de outubro, en Santiago de Compostela, os veciños e veciñas saían a rúa e participen nas manifestacións convocadas.