Lugonovo suxire ao Concello a posta en marcha dunha aplicación web que permita denunciar incidencias na cidade

O Grupo Municipal Lugonovo suxire que o Concello desenvolva e poña en marcha unha aplicación móbil para que sexan os propios veciños os que den conta das deficiencias ou avarias que detecten na cidade.

Segundo Santiago Fernández Rocha, portavoz de Lugonovo, “trataríase de canalizar a través deste dispositivo tódalas eivas que os veciños vexan en Lugo relacionadas coa reparación do mobiliario, o arranxo das rúas e a limpeza e mantemento dos espazos públicos”.

A ferramenta web permitiría, en tempo real, que calquera veciño ou usuario, a través do seu teléfono, poda enviar ao Concello un aviso sobre algo que precisa ser reparado, axuntando unha fotografía e unha descrición do seu estado e mesmo tamén as coordenadas xeográficas ca súa localización exacta. A incidencia quedaría inmediatamente rexistrada nas bases de datos municipais e así o persoal especializado podería xestionalas, priorizando a súa adxudicación ao departamento correspondente e resolvelas de forma máis áxil cunha utilización sostible e eficiente dos recursos.

Fernández Rocha declarou que “isto conseguiría, por unha banda, potenciar a comunicación entre a poboación e a administración para que traballen da man e, por outra, mellorar a calidade dos servizos resolvendo as deficiencias con maior premura. Parécenos moi proveitoso o feito de que exista unha rede social que favoreza a participación cidadá. Así o veciño non será só o prexudicado ou unha testemuña pasiva senón tamén parte activa do proceso”.

Asemade, dende Lugonovo consideran que sería convinte trasladar á poboación, o custe das reparacións para que “saiban o impacto económico que teñen nas arcas municipais, o esforzo que se fai para solucionalas, explicando cales foron as áreas implicadas e os medios empregados no arranxo, co fin de que sirva de elemento concienciador e reduza o número de actos vandálicos ou desconsiderados sobre o patrimonio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com