Lugonovo suxire a creación dunha liña de axudas para mellorar a imaxe das fachadas na capital

O Grupo Municipal Lugonovo suxire a posibilidade de que o Concello cree unha liña de axudas para colaborar cos propietarios que queiran limpar e pintar as fachadas das súas vivendas axudando así a homoxeneizar o estado das construcións na capital.

Segundo explica o portavoz da formación “trátase de concienciar da necesidade de manter en boas condicións os inmobles porque o beneficio de facelo non é só para o particular que vive nel senón que tamén redunda na boa ou mala apariencia que logo transmite no seu conxunto o barrio ó que pertence”.

Santiago Fernández Rocha abonda na proposta: “pedímoslle ó goberno local que estude a posibilidade de axudar cunha dotación económica a aquelas persoas que estean interesadas en adecentar as fachadas das súas casas.

Os edís de Lugonovo consideran que corresponde aos técnicos fixar os criterios para a súa concesión mais o seu voceiro apunta que “á hora de outorgala, poderíanse ter en conta factores como que as vivendas se atopen no casco vello, polo valor urbanístico que posúe a zona histórica, estean proximas á Muralla, pertenzan a algún conxunto residencial senlleiro ou se ubiquen en contornas que precisen dun impulso para aumentar o seu protagonismo dentro da cidade. Se Lugo mellora, gañamos todos”, engade Fernández Rocha.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com