Santiago Fernández Rocha, voceiro de Lugonovo, tacha de “terxiversación extemporánea e oportunista” as declaracións que onte fixo Ana López Pombo, concelleira do PP sobre a creación dun censo de ADN canino para evitar as feces dos animais nas vías públicas.
“Imposible, irrealizable ou un brindis ao sol non debe ser cando hai outros concellos nos que esta medida xa leva tempo funcionando e con bos resultados”, contesta Fernández Rocha recordando as palabras da popular. O voceiro de Lugonovo exemplifica o apoio ao censo de ADN co caso de Xátiva (Valencia) onde este mesmo censo conseguiu reducir ate nun 80% a suciedade canina nas rúas.
“Aínda así, o que nós propuxemos, foi que o goberno fixera simplemente un estudo xurídico, técnico e económico para valorar a viabilidade de implantala tamén en Lugo. O que non sabiamos é que recaía na señora López Pombo a potestade de decidir ao respecto”, denunciou o voceiro de Lugonovo.
Fernández Rocha critica con dureza a “terxiversación interesada” da concelleira do Partido Popular que emprega como táctica política a descalificación gratuíta para disimular a falta dun proxecto propio que lle dea solución ao problema. “É moito máis sinxelo, claro que sí, cargar contra a oposición para encubrir as súas carencias”. Fernández Rocha tacha de “demagoxia barata” as afirmacións da edil nas que apunta que Lugonovo pretende desincentivar a adopción dos animais así como promover o seu abandono nun intento malintencionado de dirixir o malestar cidadá cara esta formación.
“O único que deixa patente con estas declaracións é o seu oportunismo e que nin sequera se molestou en ler a nosa proposta. Se o houbera feito comprobaría que, para empezar, se suxeríamos a súa creación era porque nos parecía moi inxusto que a sociedade demonizara a todo un colectivo polas conductas incívicas de só uns poucos”, aseguraba Fernández Rocha quen afirmou que no seu partido cren nunha “oposición constructiva” hacia o Concello, ao que , segundo afirma o portavoz de Lugonovo, “hai que vir facer algo máis que poñer verde ao equipo de goberno”
Asemade, o voceiro desta agrupación dí que é dos partidos a responsabilidade de achegar ideas e iniciativas e que melloren a calidade de vida dos e das lucenses, xustificando así que dedicasen parte do seu tempo a visitar o laboratorio de xenética na Facultade de Veterinaria para averiguar cómo debía facerse o banco de ADN para que tivera a lexitimidade “que a señora López Pombo nega con rotundidade absoluta”.
Toda esta información sae recollida xa na anterior nota, que se pode consultar dende o pasado 16 de decembro na páxina web de Lugonovo. Nela, a formación tamén indicaba que lle parecía convinte que a analítica fora subvencionada polo Concello, como parte da campaña de sensibilización social, pero que debería ser abonada polo infractor, ademais da multa, cando fose detectado. “Explicábamos, igualmente que sería necesario modificar a ordenanza municipal reguladora, atribuir con concreción o custo das probas así como tipificar o importe das sancións”, concluíu Fernández Rocha.