Lugonovo tilda de “moi deficiente” a conservación dos parques infantís

A agrupación municipal Lugonovo cualificou esta mañá o estado de conservación dos parques infantís lucenses como “moi deficiente”. Para Lugonovo a situación dalgún parque, como o de Novo Freire, reflicte o “descoido de moitos dos espazos de lecer da cidade“, que segundo denuncia a agrupación, as eivas van dende a escasa limpeza ata “zonas de xogo deficitarias”.

A agrupación suma á lista de despropósitos o feito de que aínda non se repuxesen as pezas queimadas, antes do verán, na contorna dos Paxariños e noutros, como ao que se accede pola Praza do Cantiño, onde, aseguran non se respectan os horarios de apertura establecidos.

A súa voceira, Cristina Pérez Herráiz deu varios exemplos da “deficiencia” destas instalacións infantís. A de Lugonovo refire igualmente un importante grao de desleixo no xardín de San Roque e no do Carril das Flores, onde a falta de mantemento afecta tamén ao estado do pavimento e do resto do mobiliario urbano, incluso aos peches perimetrais. “No recanto sito a carón da rúa Primavera o que había esta mañá era moito lixo amoreado, desbordando das papeleiras, e unha importante cantidade de follas sobre o chan que o convertía nunha perigosa pista de patinaxe para os cativos”, explica Pérez Herráiz.

“Pero é que en San Roque as propias escaleiras de acceso e o muro que soporta a varanda de apoio están rotas, e a grava sobresae polas gretas do firme de seguridade, unha superficie protectora que, por exemplo, nalgúns puntos da área do
Campo Castelo directamente desapareceu”. “Toda unha rea de deficiencias” ás que a voceira da formación engade outro aspecto a lamentar: que non se estea aproveitando a renovación das randeeiras para instalar no seu sitio carriolas inclusivas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com