Lugonovo tilda de “mal gusto” a estética da nova fonte da Redondela, en Gondar

Lugonovo preguntará ao Concello pola estética da nova fonte da Redondela, na parroquia de Gondar. Para a agrupación municipal, a imaxe desta fonte está “fóra de lugar” e representa a “exemplificación do mal gusto”. Segundo o edil, Víctor Álvarez, se trata dunha dotación imprescindible e reclamada pola veciñanza pero entende a nova imaxe como “pomposa e recargada” ademáis de pouco axeitada para os arredores do Camiño Primitivo.

“Ninguén discute que se trata dunha dotación imprescindible, reclamada dende hai anos pola veciñanza do lugar e que presta un servizo de primeira orde non só aos residentes na zona senón tamén aos peregrinos, ao estar situada ao pé do Camiño Primitivo. Pero entre non poñer nada e instalar un mausoleo, cremos que hai diferenza”, reitera o concelleiro.

O edil do Grupo Municipal entende que a imaxe coa que acabou tomando forma o manancial resulta pouco apropiada en todos os contextos posibles. “Á falta de coñecer o seu custo, xa só esteticamente nos parece excesiva e desproporcionada”, sinala Álvarez Arias en alusión ao volume dos bloques de granito que compoñen a estrutura, e que chegan a alcanzar os tres metros de altura.

“Non pode ser que no 75% dos núcleos do concello non exista sequera abastecemento e que os poucos investimentos que o executivo destina ao rural se dediquen, precisamente, a unha obra de semellante opulencia que, aínda por riba, desentoa coa contorna na que se atopa. Semella unha tomadura de pelo”.

O concelleiro pide tamén outras aclaracións. “Gustaríanos que o goberno nos explicara cal foi o prezo da intervención pero tamén qué criterios técnicos se empregaron para decantarse por este material e por este modelo concreto de fonte e non por outro, máis modesto ou menos sustuoso. A cantas empresas lle solicitaron presuposto para executala e cal foi o ditame da Dirección Xeral de Patrimonio, que, entendemos, foi preciso que emitira o correspondente informe”. Preguntas, todas elas, que a formación trasladará mañá á Comisión de Infraestruturas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com